InicioCulturaAntonio Reigosa: “Perdimos a nosa capacidade para interpretar o simbólico”

Antonio Reigosa: “Perdimos a nosa capacidade para interpretar o simbólico”

Da man de LAR libros, o cronista oficial de Mondoñedo publica 'Cen historias máxicas pola Mariña encantada', unha antoloxía de lendas dos municipios da comarca

Publicada o

- Advertisement -

JUAN MAYA. O escritor e cronista oficial de Mondoñedo, Antonio Reigosa, vén de presentar o seu libro titulado ‘Cen historias máxicas pola Mariña encantada‘. Unha obra que, en palabras do propio autor, “pretende ser a aeronave imaxinaria que permita axudar a levitar as lendas e as memorias do noso imaxinario“.

O libro reúne nas súas 200 páxinas máis de cen historias máxicas pertencentes aos quince concellos da Mariña e conta con ilustracións do artista viveirés Xosé Luis Neira Brochs. O volume chegará ás librerías galegas a vindeira semana nunha edición encadernada en tapa dura con sobrecuberta a un prezo de 25 euros.

LAR libros, o selo editorial responsable da publicación do libro, agradeceu a “estimable colaboración” do departamento de Cultura da Deputación Provincial de Lugo que facilitou a viabilidade do proxecto ao comprar douscentos exemplares.

MANUAL

P. — Como nace a idea de publicar este libro?

R. Pois é unha idea vella. Eu son de Mondoñedo e levo moitos anos investigando a literatura de tradición oral. Unha das necesidades ou ilusións que tiña era traballar o material da Mariña. Este libro é unha especie de antoloxía, non é un inventario. É o primeiro manual sobre o lendario dos quince concellos das tres Mariñas. Había esa necesidade, esa ilusión, e deuse a circunstancia de que Libros Lar estaba interesada en publicalo e Neira Brochs en ilustralo.

— Vostede utiliza o “fértil campo de lendas ritos e mitos” da Mariña. Pensa que a nosa mitoloxía non é demasiado coñecida ou mesmo que non hai demasiado interese por ela?

Aquí xúntanse varios asuntos. O interese xérase na medida na que a xente coñece o patrimonio como este, intanxible e complexo de entender pola súa simboloxía e que non forma parte do currículo escolar. Todo o mundo sabe onde hai unha catedral, unha igrexa románica ou unha ponte interesante, pero pouca xente sabe onde hai lendas que merecen a pena salvo no seu entorno.

Eu creo que o interese polo patrimonio inmaterial hai que xeralo e hai que facelo divulgando, axudando a entender un pouquiño o que significan os mouros, os encantos, os tesouros, as doncelas, as sereas…

“o interese polo patrimonio inmaterial hai que xeralo, axudando a entender que significan os mouros, as sereas…”

A MARUXAINA, O CONDE SANTO OU PARDO DE CELA, PRESENTES

— Supoño que unha das lendas que aparecen no libro será a da Maruxaina de San Cibrao.

Por suposto. Partindo dunha lenda moi sinxela dunha serea como é a da Maruxaina montouse unha festa en San Cibrao dunha magnitude enorme. Aínda que é antolóxico e non está igual de estudado o patrimonio lendario, neste caso eu quería que todos os concellos estiveran representados, mais hai concellos, por exemplo, como os de Viveiro, de Mondoñedo ou os do Valadouro, que teñen moitos traballos moi ben feitos sobre o seu lendario e hai outros como os de Ourol ou Trabada que están moito menos estudados. É evidente que os grandes mitos da Mariña están todos: a Maruxaina por suposto, o conde Santo, Pardo de Cela

OS PERSONAXES DO FOLCLORE, DISTINTOS E IGUAIS

— Hai algunha distinción significativa ou dato salientable na mitoloxía da Mariña comparado con outras zonas de Galicia?

En xeral non. Os personaxes son os mesmos. A condición de ser beiramar inflúe comparado con outras comarcas que non teñen mar, loxicamente, pero todo o folclore relacionado coas augas, coas pontes, pozos, cos ríos, é moi parecido en toda Galicia. Están as singularidades do nome. Sereas que se chaman Maruxaina só hai unha, Pardo de Cela só hai un, pero digamos guerreiros medievais mitificados hainos por toda Galicia, como Pedro Madruga, por poñer un exemplo da mesma época. Non hai máis singularidades que a localización expresa en lugares patrimoniais da Mariña e que moitas veces os nomes son, claro, únicos e exclusivos dese lugar ou zona. Os comportamentos de mouros, encantos ou a mitoloxía arredor da morte sempre é moi parecida en todas partes.

“os personaxes da mitoloxía da mariña repítense noutros lugares. o folclore é similar en toda galicia”

TRABALLO DE CAMPO

— Comentaba que en certos concellos había tal vez un maior interese por desvelar ou acercar estas figuras mitolóxicas. Como obtivo a información de cara á elaboración do libro? Foi a través de entrevistas orais ou libros?

Houbo un pouquiño de todo. Primeiro hai concellos nos que houbo xente que xa traballou as lendas como Chao Espina ou Cunqueiro, que sen ser un etnógrafo, tirou da lenda do San Gonzalo ou da balea xigante. Na Mariña dende o punto de vista intelectual e de investigación houbo moitísimo potencial pero tamén é certo que, por exemplo en Trabada, fun eu facer o traballo de campo, un traballo intensivo e breve, porque non había absolutamente nada publicado. Foi a base de entrevistas e de contactos con persoas que me contaron as historias que están no libro.

“en mondoñedo ou viveiro hai moita bibliografía. en ourol ou trabada non había nada publicado”

— Moitos dos seus libros están vinculados á mitoloxía e ás lendas, por que ten ese interese no mundo máxico galego?

Eu non o sabería explicar. O que sempre digo é que eu crieime nunha aldea próximo a un castro, o castro de Zoñán, e evidentemente eu escoitei historias sendo neno relacionados cos mouros, túneis subterráneos… e eu creo que aí che queda como unha curiosidade. Moito tempo despois, traballando xa no Museo Provincial, deime conta de que iso era patrimonio a conservar e estudar para intepretar e comparar con outras mitoloxías populares do mundo. A partir de aí naceu o equipo Chaira e os traballos de campo na Terra Chá. Con Xosé Miranda e Xoán R. Cuba fixemos o ‘Dicionario de seres míticos galegos’ e varias monografías de contos, que ían desde os eróticos ata os de medo, repartidos nunha colección de vinte tomos que editou Xerais na primeira década deste século.

O REXEITAMENTO AO IMAXINARIO POPULAR

En definitiva, digamos que foi satisfacer unha necesidade que viña comigo desde a infancia e que me axudou a entender por que me contaban os meus veciños e o meu avó aquelas historias. A min deixoume unha inquietude de por que se crea ese imaxinario que ninguén ve e que desgraciadamente o mundo urbán rexeita ou rexeitaba e incluso o mundo rural; para min era ao contrario, parecíame que era onde estaba o sustento cultural e a clave para entender a cultura popular neste país.

AS LENDAS E A MOCIDADE

— Estas figuras teñen un peso importante sobre todo nos máis novos, xa que lles acerca un xeito de entender o mundo que verán nun futuro.

Os nenos hoxe en día e incluso os nenos das últimas dúas décadas xa teñen outra visión por unha razón moi simple: xa teñen moita información a través dos debuxos animados e da literatura doutras mitoloxías populares do mundo. Igual non saben que un duende e un trasno son a mesma figura. É moito máis doado explicarlles o que é un trasno galego porque xa saben o que é un duende, e o mesmo cun trol, un xigante, unha fada e unha moura. Teñen un coñecemento a través do cinema, da literatura, da televisión, que non tiña a miña xeración porque non tiñamos acceso a esa cultura. Eu tiña doce anos cando vin a televisión por primeira vez.

“O ABANDONO DO RURAL NON ACONTECE SÓ NO TOCANTE Á EMIGRACIÓN, A MARCHAR DAS CASAS; É TAMÉN DO PATRIMONIO”

É lóxico, xa que eles teñen unha capacidade de comprensión moito máis alta. O que falta é falarlles do patrimonio intanxible da súa contorna. Queda, salvo o traballo moi meritorio dalgún profesor, que é moi de agradecer, conectalos con esa contorna e coa súa simboloxía e cos significados da toponimia. Eu creo que se se fai cun mínimo de honestidade dándolle a importancia que ten, aínda é conservable moito deste patrimonio a pesar do abandono do rural que afectan negativamente. O abandono do rural non é só abandoar as casas, é tamén o seu patrimonio. Todo se arrastra.

Cuberta do libro. AXM

OS MITOS E OS MEDIOS DE COMUNICACIÓN DE MASAS

— Tal vez algunhas destas figuras ou personaxes foron reemprazados por personaxes que veñen do extranxeiro como poden ser os superheroes.

Aos medios de comunicación de masas chegan todo tipo de productos. Hai que explicarlles aos máis novos que que aquí tamén temos lobishomes e que non só os hai nos filmes de lobishomes do norte de Europa. Aquí temos un coñecemento cultural tradicional de como se xeran eses monstros e como actúan; probablemente non moi lonxe da súa casa, a un rapaz pódeselle dicir: “Chámase desa maneira porque aí se dixo que un home ou unha muller se transformara en lobo e matara a alguén”, e cousas dese tipo.

“HAI QUE CONECTAR OS NENOS COA CONTORNA. AQUÍ TAMÉN TEMOS HISTORIAS DE LOBISHOMES COMO AS QUE VEN NAS PELÍCULAS, NON MOI LONXE DA CASA”

Trátase de non perder a vista no horizonte permanentemente, tomalo como unha referencia máis sabendo que nós formamos parte da cultura universal desde sempre e que ese tipo de fenómenos do imaxinario tamén se dan aquí. Todas esas manifestacións que agora podemos coñecer tamén se producen aquí, por eso se estuda tanto o que é o lendario comparativamente, porque nos fai entender que non somos unha illa, somos un elemento máis da cultura universal.

A MITOLOXÍA DA MORTE

— Historias universais con elementos xeográficos distintivos.

Eu sempre digo que a principal distinción da cultura popular galega, e sobre todo da mitoloxía popular, está en sermos cabo do mundo. Porque nunha concepción de transición do mundo dos vivos ao dos mortos sempre se consideraba ao máis alá en Occidente; ser o porto de embarque das almas para o outro mundo da singularidade e iso explicaría a cantidade de santuarios que hai na beira do mar en Galicia, sobre todo na costa Atlántida e tamén na Cantábrica, e a forza que ten a mitoloxía da morte aquí. Case todo o mundo oíu falar da Santa Compaña.

“a principal distinción da cultura popular galega, sobre todo da mitoloxía, está en sermos cabo do mundo”

É dicir, temos un coñecemento a nivel popular bastante considerable sobre a mitoloxía fúnebre por ser precisamente cabo do mundo. Hai outras singularidades que xa son de investigadores como os barcos de pedra que navegan polo mar, que é un fenómeno que se produce en toda a beira Atlántida europea ata Galicia e que semella que en Portugal xa se perde o mito ou non chegou ou se esqueceu.

Esta publicación en concreto leva unhas notiñas, bibliografía, referencias documentais e os textos. Trátase sobre todo de poñer gañas de interesarse por ese patrimonio.

O SÍMBOLO E A CULTURA RACIONALISTA

— Hai algún tipo de relación entre este tipo de experiencias e as substancias psicoactivas?

Non, hai moita literatura sobre iso, pero realmente non, aínda que pode haber algún caso no que si. Probablemente perdimos nesta cultura pragmática e racionalista en exceso moitas veces a capacidade para interpretar o simbólico. Eu ás veces poño o exemplo, e recoñezo que non é moi válido, de que estamos rodeados de veciños e de familiares que van á misa e que creen nas milagres e nos efectos dun santo e póñenlle velas, iso evidentemente é irracional, non hai xeito de probar que iso teña efectos. Pero esa persoa pensa que pode telos ou que tradicionalmente lle contaron que os tiña.

A “NECESIDADE” DUN CEO E DUN INFERNO

O mundo das lendas é algo semellante que na maioría dos casos son restos de relixións pre-cristiáns como a vella do Arco da Vella, que son grandes deusas do pasado da que nos quedan detalles, refugallos, referencias lendarias. Levamos dous mil anos de cristianismo e evidentemente a consideración de demos e malvados téñena encima porque se lles cargou. É algo que vai con nós: necesitamos crear un ceo, un paraíso, un inferno, mais iso é puro imaxinario, fantasía colectiva que responde á necesidade do ser humano desde que ten algo de conciencia de non aceptar que morren cando lles desaparece o alento, que aínda vai haber outras vidas, outras oportunidades.

Fumos capaces de crear coa imaxinación, igual que se crean palabras, ferramentas, técnicas, espazos colectivos que satisfacen a necesidade de saber, por exemplo, que vai acontecer despois da morte, de igual modo que se crean seres do pasado porque temos a necesidade de saber de onde vimos ou que houbo alí ou por que ese penedo ten esa forma tan rara. Ese imaxinario concrétase nos mitos e lendas.

“A MULLER DO ARCO DA VELLA É UN RESTO DE RELIXIÓNS PRE-CRISTIÁNS”

CONCELLO POR CONCELLO

— Os quince concellos que forman a comarca da Mariña teñen neste libro un peso importante, non só no eixo narrativo senón tamén á hora de escribilo, ilustralo e publicalo.

No libro sempre se empeza cada concello cunha cita referida ao imaxinario feita por algún autor. Este material pódese organizar de moitas maneiras pero é raro organizalo territorialmente. Dado que eu me ía centrar no territorio das tres Mariñas, pareceume oportuno facelo así. Máis que nada chamando a atención sobre ese localismo que todos padecemos, aínda que haberá xente que espero que lles interese todo ou boa parte. Non hai outra singularidade máis que o linde administrativo. Creo que é no prólogo onde digo que a Mariña é ese espazo físico que vai entre o mar da Masma e a Serra do Xistral, entre o Eo e o Landro. Estamos organizados en concellos e ás veces funciona o do reclamo local.

ILUSTRACIÓNS DE NEIRA BROCHS

— Os textos están acompañados por ilustracións realizadas por Neira Broch. Que pensa que lle pode aportar un artista coma el ao seu libro?

Eu sempre digo que o ilustrador é o primeiro lector e o segundo redactor dun libro: crea unha nova forma de ver o que se conta. O autor do texto está normalmente sempre ao principio, neste caso é así tamén. Se eu conto un conto e ti me escoitas e che gustou, mañá vas a contalo, pero xa non exactamente igual a como cho contei eu, contaralo tratando de melloralo nalgún aspecto ou estilísticamente, é dicir, valo facer teu, vas facer a túa versión. A versión do ilustrador é fundamental, é a versión gráfica do que se conta no libro. Neira Brochs é un señor cunha longuísima traxectoria e con moita experiencia de ilustración e evidentemente fixo un traballo magnífico, ideal para un libro como este.

ASINARÁ EXEMPLARES O DÍA 21, NA FEIRA DO LIBRO DE FOZ

— Vai estar asinando exemplares na Feira do Libro de Foz. Que importancia pensa que ten este tipo de actos relativos á cultura?

Este é un ano raro. O normal sería que este libro fora introducido con presentacións convencionais con asistencia de público nos sitios onde hai librerías na Mariña. A Feira de Libro este ano non permite presentacións formais, o que permiten é sinaturas. Por tanto este ano é o que se pode facer, para min evidentemente significa que nun programa se da a coñecer e que ese libro existe; de momento non hai ningunha outra forma de dicilo salvo a través dos medios de comunicación. Por tanto este ano estamos baixo mínimos pero é clave que os libros se vexan ou se escoiten falar deles para que a xente o saiba e logo decida. É a principal oportunidade que imos ter e toca ir tirando para adiante.

Reigosa, estará asinando exemplares da obra o vindeiro día 21, a partir das 20.00 horas, no recinto da Feira do Libro de Foz.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...